domingo, 24 de febrero de 2013

Os ollos de Gibreel ("5 Cámaras Rotas")



Gibreel nace en Bil´in (Palestina) en febreiro de 2005.
Os seus ollos inmensos, profundos e escuros ábrense ó mundo por primeira vez e ve.

Ve a terra pedregosa e árida que o acolle.

Ve a cámara de vídeo de seu pai Emad, a súa primeira cámara -verá a segunda, a terceira, a cuarta, a quinta... Sempre gravando, sempre ofrecendo testemuño.

Ve a reixa que illa ó seu pobo devorando o terreo, os olivos, a aceituna.

Ve a loita pacífica de cada venres a carón desa reixa; o sorriso infantil de Daba; o activismo apelando ó corazón de xente auténtica como Adeeb; o optimismo de Phil “O Elefante” home amable, bo, máxico, grande e de pel dura;  os bailes e cánticos ante as pequenas vitorias no posto avanzado; a perseverancia, a resistencia pacífica.

Ve o asedio dos seus curmáns de Israel; o exercito israelí; os cartuchos, os gases lacrimóxenos, as balas israelís; o apresamento e o asasinato de nenos coma él, a captura de seu pai, de seus tíos, de Adeeb; o lume israelí que queima o froito da terra de Bil´in; a reixa que caída nos tribunais permañece en pé físicamente; o oportunismo político mediante o uso maculado dos símbolos.

Ve a morte de “Elefante” porque “Elefante” é soñador, e seu pai Emad di que é perigoso soñar.

Ve todo iso porque tamén Emad di que o único xeito de protexelo é permitirlle velo todo, para que constate a fraxilidade da existencia, para que se faga home curtido.

Ve, e o principio non entende nada porque é un cativo, mais sendo aínda un cativo ten que entender, e a medida que lle rachan a infancia entendendo, Emad asegura que só lle quedará a ira.

Ve. E Emad teme que Gibreel non sexa quen de controlar esa ira porque “manter os ideais de non violencia non é sinxelo estando rodeado de morte” porque perder a xente que amas “desencadena tanta ira que os sentimentos da xente estouran e un está preparado para morrer pola persoa perdida” porque non sabe se con todo o que ven os ollos de Gibreel, este será quen de soportar o fervor da sangue.

Porén... 
Emad continua  gravando porque “as feridas que se esquencen nunca se sanan” porque é o seu destino gravar aínda que as experiencias ardan na cabeza, mestura de dor e gozo, medo e esperanza. 
E Gibreel non deixa de ver, porque ten ollos ávidos, porque ten un futuro incerto por diante, onde “a ocupación te colle desprevido”, onde non está permitido pechar os ollos e... soñar. 

( Sempre tiven curiosidade por tratar entender o conflicto palestino-israelí. Emad Burn colabora nesa tarefa. Esta é unha interpretación como outra da historia de Gibreel despois do visionado de "5 Cámaras Rotas". Deixo o enlace deste imprescindible.)